EQUIPO
Para ler as Liñas Programáticas do Equipo de Goberno prema aquí
Candidata á Reitoría
Candidata á Secretaría Xeral
Candidato á Vicerreitoría de Infraestructuras e Sostibilidade
Candidata á Vicerreitoría do Campus de Pontevedra
Candidato á Vicerreitoría do Campus de Ourense
Candidata á Vicerreitoría de Estudantes e Captación
Candidata á Vicerreitoría de Comunicación e Normalización Lingüística
Candidato á Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación
Candidata á Vicerreitoría de Extensión Universitaria
Candidato á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia
Candidato á Vicerreitoría de Economía, Estratexia e Emprendemento
Candidato á Vicerreitoría de Transformación Dixital
Candidata á Vicerreitoría de Profesorado e Organización Académica
Candidato á Xerencia
Belén Rubio
Son catedrática de Estratigrafía no Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Facultade de Ciencias do Mar. Formo parte do grupo de investigación en Xeoloxía Mariña e Ambiental e do Centro de Investigación Mariña (CIM), ambos os dous recoñecidos pola Xunta de Galicia como grupos e centros de excelencia.
Desenvolvín a miña actividade docente en diversas titulacións —Enxeñaría de Minas, Química, Bioloxía e Ciencias do Mar— e en todos os niveis formativos (grao, mestrado e doutoramento), contribuíndo á formación integral do estudantado e á consolidación dunha docencia rigorosa e actualizada.
Ao longo da miña traxectoria na UVigo asumín diferentes responsabilidades de xestión académica e institucional. A miña actividade investigadora foi recoñecida por institucións de prestixio, e participei activamente en iniciativas de transferencia do coñecemento e divulgación científica, reforzando o vínculo entre universidade e sociedade.
Antes de expor os compromisos que propoñemos para a institución e para os seus distintos colectivos, considero necesario facer unha breve referencia ao traballo desenvolvido nos últimos anos, período no que asumín a responsabilidade da vicerreitoría de investigación, transferencia e innovación da nosa universidade. Este labor permitiunos ampliar as oportunidades da comunidade universitaria e incrementar o impacto social da nosa actividade.
Grazas ás iniciativas impulsadas no marco do anterior programa de goberno, construímos na UVigo un sistema sólido de investigación e transferencia, que favorece o desempeño do Persoal Docente e Investigador (PDI) e do Persoal Investigador (PI e PAI), apoiado polo labor esencial do Persoal Técnico de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS). Implantouse unha política aberta, transparente e baseada no mérito (OTM-R) para a captación e promoción de talento cun novo servizo de Recursos Humanos de Investigación.
No ámbito internacional, quintuplicamos o financiamento acadado por proxectos no Programa Marco da Comisión Europea con respecto ao período previo á creación da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI). Tamén conquerimos máximos históricos na taxa de éxito nas convocatorias da Axencia Estatal de Investigación (AEI). En materia de transferencia de coñecemento, os resultados amosan unha evolución moi positiva, tanto no número de contratos como na captación de proxectos en convocatorias internacionais, nacionais e autonómicas, logrando ademais un equilibrio significativo na presenza de mulleres como investigadoras principais.
Impulsouse a creación de empresas baseadas no coñecemento, duplicando o número existente, e consolidouse unha carteira de case trescentas patentes activas. Potenciamos e creamos novas estruturas de investigación de carácter estratéxico, que aspiramos a que acaden en breve o recoñecemento externo pola súa excelencia. Aos centros CIGUS xa existentes (atlanTTic, CINBIO e CIM) sumáronse dous centros colaborativos (CINTECX e ECOBAS), así como centros interuniversitarios (CITMAGA e CISPAC). Durante este período creáronse tamén cinco institutos universitarios de investigación: IFCAE, IAA, IXEX, iLingua e CIDEGA.
Apostamos decididamente pola internacionalización da investigación, promovendo iniciativas de atracción e retención de talento internacional. Acadamos un 65 % de publicacións en colaboración internacional, mantivemos o selo HR Excellence in Research e consolidamos a UVigo como centro Euraxess.
Debemos continuar nesta liña. Queda camiño por percorrer e aspectos que mellorar, nun exercicio permanente de mellora continua, imprescindible en calquera proxecto de calidade, para construír a universidade do futuro que queremos que sexa a UVigo.
Asumo o compromiso de liderar e coordinar un proxecto sólido e ambicioso para a universidade de 2040, baseado na experiencia, a honestidade, a capacidade de traballo, a transparencia, o diálogo, a proximidade e a eficacia como sinais de identidade desta nova etapa.

María José Bravo Bosch
Son catedrática de Dereito Romano no Departamento de Dereito Privado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, institución á que estou vinculada desde o inicio da miña carreira académica e investigadora. A miña traxectoria estivo sempre guiada pola defensa da excelencia universitaria, pola responsabilidade institucional e polo compromiso coa universidade pública como motor de progreso social.
No ámbito investigador, son autora de máis de 150 artigos e capítulos de libro, cinco monografías e directora ou coordinadora de once obras colectivas. A miña actividade científica desenvolveuse en varios idiomas e en contextos internacionais diversos, e compleméntase con estancias de investigación, profesora visitante e conferenciante e múltiples universidades europeas, sendo a única docente española no Curso Superior de Dereito Romano, impartido en italiano, na Università La Sapienza e sempre contribuíndo á proxección internacional da nosa universidade.
A formación de novo talento investigador constitúe unha das miñas responsabilidades máis destacadas. Dirixín sete teses doutorais, todas elas cualificadas con Sobresaliente cum Laude, varias delas recoñecidas con Premio Extraordinario de Doutoramento, e actualmente acompaño outras oito en desenvolvemento. Ao longo deste labor, procurei sempre garantir unha dirección baseada na responsabilidade, no rigor metodolóxico e na integridade académica, entendendo que a autoría, a honestidade intelectual e o respecto polo traballo alleo son principios esenciais que corresponden a cada investigador e investigadora asumir e cumprir.
A miña participación en órganos científicos e académicos internacionais compleméntase coa pertenza a institucións de prestixio, como a Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación de España (correspondente), a Accademia Peloritana dei Pericolanti (Italia), así como diversos consellos editoriais e científicos: o Consello de Redacción de IVRA, revista internacional de referencia en Dereito Romano; o comité científico internacional de CODEX; o consello asesor internacional da revista Glossae; e o consello editorial da revista REGAP, entre outros. Esta actividade reforza a miña visión global da investigación e da función universitaria nun contexto internacional.
No ámbito da calidade universitaria, a miña experiencia abrangue un marco claramente internacional. Ao longo da miña carreira participei en procesos de avaliación en Italia, España, Portugal, México e Perú, colaborando con axencias como ACPUA, A3ES (Portugal), así como con comisións avaliadoras en diversos países. A esta traxectoria súmase a miña dilatada experiencia como membro da CGIACA, órgano superior de avaliación, responsable de garantir a calidade do profesorado universitario en Galicia, así como o meu labor continuado como avaliadora en ACSUG. Este percorrido permitiume adquirir unha visión comparada e profunda dos estándares e procedementos de garantía de calidade, así como da súa importancia estratéxica para o fortalecemento institucional e para o desenvolvemento dunha universidade moderna, sólida e recoñecida.
A miña actividade de transferencia complétase coa elaboración de diversos informes xurídicos no marco do artigo 60 da LOSU, realizados para entidades públicas e privadas, así como coa dirección de tres documentais de carácter divulgativo e científico con gran impacto. Estes proxectos permitiron achegar o coñecemento xurídico e histórico á sociedade, reforzando a dimensión pública da investigación universitaria e contribuíndo á proxección social da Universidade de Vigo.
A Secretaría Xeral é un espazo clave para garantir a seguridade xurídica, a coherencia normativa e o bo funcionamento dos órganos colexiados. Desde esta responsabilidade, considero esencial promover unha cultura de diálogo, mediación e conciliación, que permita resolver conflitos de maneira construtiva, fortalecer a confianza institucional e contribuír a unha gobernanza máis próxima, eficaz e respectuosa coa comunidade universitaria.
Presento a miña candidatura á Secretaría Xeral coa vontade de seguir contribuíndo ao fortalecemento da Universidade de Vigo desde a responsabilidade, o rigor e a visión estratéxica. Creo firmemente que a UVigo debe continuar avanzando cara a unha institución máis aberta, máis internacional, máis transparente e máis preparada para afrontar os retos dunha sociedade en constante transformación. O futuro constrúese cada día, e faino grazas ao esforzo colectivo, á profesionalidade e á ilusión de todas as persoas que formamos parte desta universidade.
Félix Quintero Martínez
Son profesor Titular de Universidade do departamento de Física Aplicada e acreditado a catedrático de universidade desde 2024. Formo parte do grupo de investigación Aplicacións industriais dos láseres, recoñecido pola Xunta de Galicia como grupo de referencia competitiva. Son tamén investigador no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), que recentemente acadou o recoñecemento de centro colaborativo da Rede CIGUS.
Formado como doutor enxeñeiro industrial na Universidade de Vigo, completei a miña formación con diversas estadías internacionais, a máis destacada como postdoc en Rutgers University, EEUU, grazas a unha bolsa Marie-Curie Outgoing. Son docente na Escola de Enxeñería Industrial desde 2007, primeiro como investigador Parga Pondal e como TU desde 2011 desenvolvendo a miña actividade docente nos graos da rama de enxeñería industrial e en diversos másteres (enxeñería industrial, automoción, nanociencia en nanotecnoloxía, etc.) e no programa de doutoramento de física aplicada.
Gústame dicir con franqueza que sempre puiden levar a cabo o meu traballo docente con satisfacción e vocación, grazas a estar rodeado dun grupo de profesionais entregados que fan o seu traballo con dedicación, rigor e compañeirismo altruísta, o cal é tremendamente contaxioso.
Ocupo o cargo de vicerreitor de Planificación e Sostibilidade desde maio de 2025. Anteriormente, fun subdirector do CINTECX entre 2020 e 2025 e membro do Claustro Universitario entre 2000 e 2002 como estudante predoutoral.
Desempeño o cargo de vicerreitor de Planificación e Sostibilidade desde o profundo compromiso que teño coa Universidade de Vigo. Traballo coa conciencia e determinación de que os recursos dedicados ás infraestruturas e equipamentos da universidade pública son escasos e son de todos, polo que é preciso administralos con eficacia, racionalidade e a máxima equidade. Polo que fago parte con naturalidade do xeito de traballar da candidatura de Belén Rubio, baseado na transparencia, o diálogo e a responsabilidade. Levo con orgullo, ademais, o apelativo da sostibilidade na miña vicerreitoría porque comparto profundamente o compromiso que esta universidade ten desde hai anos cos obxectivos de desenvolvemento sostible. Por iso, síntome plenamente identificado e comprometido coa visión responsable do futuro, coa idea da universidade que queremos ser e dos valores que queremos representar cara a sociedade.
Sara Domínguez Lloria
Son profesora titular da área de Didáctica da Expresión Musical na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no Campus de Pontevedra. A miña traxectoria académica e profesional desenvolveuse na intersección entre a educación, a música, a creación artística e a xestión, ámbitos que entendo como espazos inseparables.
Son doutora en Educación pola Universidade de Vigo, titulada superior en Música na especialidade de Piano, e completei a miña formación con estudos de posgrao en artes escénicas e en dirección e xestión de centros educativos. A miña actividade docente e investigadora céntrase na didáctica da música, a innovación educativa, a creatividade e a inclusión, con especial atención ao papel da educación artística na formación integral das persoas.
Ao longo da miña traxectoria combinei a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento cunha dedicación constante á xestión educativa e cultural. Antes da miña incorporación á universidade, asumín responsabilidades de dirección e organización que marcaron profundamente a miña maneira de entender o liderado institucional. Especialmente, como directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, unha etapa significativa na miña carreira profesional na que traballei desde a planificación, a coordinación de equipos, a xestión de proxectos e a relación coa comunidade para consolidar un modelo educativo comprometido coa calidade, a proximidade e o acceso á formación musical.
Esa experiencia previa de xestión, desenvolvida antes da miña entrada na Universidade de Vigo, permitiume comprender que as institucións só avanzan de maneira sólida cando combinan visión, escoita, responsabilidade e capacidade de traballo compartido. Tamén me ensinou que xestionar non consiste unicamente en administrar recursos, senón en crear condicións para que as persoas, os proxectos e as ideas poidan medrar. Esa convicción segue a guiar hoxe o meu traballo universitario.
Tras a miña incorporación á Universidade de Vigo continuei esa mesma liña de compromiso desde a docencia, a investigación e a colaboración con institucións do ámbito educativo, artístico e cultural.
Participei e liderei proxectos de innovación educativa vinculados á formación do profesorado de música, á competencia cultural e artística e ao deseño e avaliación de programas de educación musical, ademais de desenvolver iniciativas de transferencia con entidades como o Concello de Santiago de Compostela, a Real Filharmonía de Galicia ou o Museo Galego de Arte Contemporánea. Todo isto responde a unha forma de entender a universidade como institución aberta, conectada coa sociedade e capaz de xerar valor público desde o coñecemento.
A esta traxectoria súmase unha produción científica continuada, con numerosas publicacións que inclúen traballos en revistas e editoriais de referencia, dirección de varias teses de doutoramento así como achegas recentes sobre motivación académica do futuro profesorado, formación en educación superior, creatividade e intelixencia artificial xerativa, identidade docente, diversidade cultural ou intervención artística en contextos de inclusión. Este conxunto de traballos amosa unha liña de investigación comprometida cos retos contemporáneos da educación superior e da formación musical.
Do mesmo xeito, a miña actividade investigadora desenvolveuse en colaboración cunha rede académica ampla, con vínculos especialmente significativos coa Universidade de Santiago de Compostela e tamén con outras universidades españolas e portuguesas. Esa dimensión colaborativa reforza unha maneira de entender a investigación non como unha tarefa illada, senón como un proceso compartido de construción de coñecemento, diálogo institucional e proxección interuniversitaria.
Creo firmemente no Campus de Pontevedra como un espazo de oportunidade, de identidade propia e de proxección de futuro. Un campus no que a formación universitaria dialoga coa creación, coa cultura, co deporte, coa educación e coas novas formas de innovación; un campus que debe seguir fortalecendo a súa visibilidade, a súa cohesión interna e a súa capacidade para xerar orgullo de pertenza. O meu compromiso é contribuír a ese proxecto desde a proximidade, o traballo rigoroso, a escoita activa e a cooperación con todos os centros, servizos e colectivos que dan vida ao campus cada día.

Javier Rodríguez Rajo
Son Catedrático de Universidade na área de Botánica da Facultade de Ciencias, e preséntome na candidatura de Belén Rubio como Vicerreitor do Campus de Ourense coa vontade de seguir contribuíndo ao desenvolvemento, fortalecemento e proxección do noso campus. Formo parte do grupo de investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) que pertence ao Instituto de Investigación de Agroecoloxía e Alimentación do Campus Auga (IAA) da Universidade de Vigo.
A miña traxectoria académica e profesional está estreitamente ligada o meu compromiso coa Universidade de Vigo e, en particular co Campus de Ourense, como membro do mesmo dende hai 37 anos, estudando, ensinando, investigando e asumindo responsabilidades de xestión en diferentes niveis. Esta experiencia permitiume adquirir un coñecemento profundo da súa realidade e coñecer de primeira man de onde vimos, onde estamos, pero sobre todo cara a onde debemos avanzar.
Despois de estudar a miña Licenciatura no Campus de Ourense e facer diversos cursos internacionais de posgrao nos Estados Unidos, Holanda e Italia, doutoreime en Bioloxía no ano 2001 para iniciar a miña carreira investigadora a través do programa Isidro Parga Pondal, o que me permitiu consolidar unha base científica sólida e comprometida coa excelencia. Posteriormente, desenvolvín unha progresión académica continua, pasando polas figuras de Profesor Contratado Doutor, Titular de universidade e, dende 2019, Catedrático de universidade.
Ao longo destes anos, desenvolvín unha actividade docente e investigadora constante e recoñecida, sendo autor de preto de 200 publicacións, das que 120 son en revistas SCI-JCR, mais de 300 comunicacións a congresos, director de 12 teses de doutoramento e IP en preto de 30 proxectos/contratos de investigación, tal e como acreditan os meus cinco quinquenios docentes e os catro sexenios de investigación, aos que se suma un sexenio de transferencia. Estes méritos reflicten non só a continuidade do meu traballo, senón tamén o compromiso coa calidade na docencia, a xeración de coñecemento e a súa transferencia á sociedade.
A miña experiencia en xestión universitaria proporcionoume unha visión integral e transversal do funcionamento institucional que me permite coñecer de primeira man os retos aos que nos enfrontamos. Fun Vicedecano e xefe de estudos da Facultade de Ciencias, Director da Área de Desenvolvemento de Infraestruturas do Campus de Ourense, e Director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo durante varios anos. Posteriormente, asumín o cargo de Decano da Facultade de Ciencias, etapa na que traballei activamente na consolidación da oferta académica e na mellora da organización interna do centro. Desde xuño de 2023 teño a honra de exercer como Vicerreitor do Campus de Ourense, o que me permitiu afondar no coñecemento das necesidades, potencialidades e retos específicos do Campus. Este percorrido non é só unha suma de cargos, senón unha aprendizaxe continua que me capacita para liderar con responsabilidade e visión estratéxica.
A miña candidatura susténtase nun compromiso claro co desenvolvemento equilibrado do Campus Auga, co fortalecemento da súa identidade propia como Campus de Especialización dentro da Universidade de Vigo, e coa mellora continua das condicións para o alumnado, o profesorado e o persoal técnico de administración e servizos. Considero fundamental seguir avanzando con novas titulacións, a modernización das infraestruturas, na promoción da investigación e na captación de talento, na internacionalización así como no reforzo das relacións co tecido social e económico da contorna.
Defendo un modelo de campus con máis capacidade de decisión, apostando por un modelo de xestión baseado na proximidade, no diálogo, na transparencia e na participación da comunidade universitaria, entendendo que os mellores resultados so se acadan dende a colaboración e o traballo en equipo.
Todo isto lévame a formar parte da candidatura de Belén Rubio como candidato a Vicerreitor do Campus de Ourense coa ilusión de seguir traballando polo campus, dende a experiencia acumulada e coa vontade de afrontar novos retos que contribúan ao seu crecemento, á súa visibilidade e á súa excelencia académica e científica. 
Eva María Lantarón Caeiro
Son profesora titular de Universidade de Vigo e inicie a relación coa Universidade de Vigo no 1991. A miña labor docente, consolidada coa titularidade obtida en 2010, fundaméntase na formación de profesionais críticos e altamente cualificados. A miña actividade científica, desenvolta no seo do grupo de investigación de Fisioterapia Clínica (FS1) centrouse en xerar solucións clínicas de alto impacto nas áreas de fisioterapia respiratoria, deporte, oncoloxía entre outros, baseándose na aplicación de exercicio terapeútico e poñendo o foco da investigación nas mulleres. Este compromiso coa excelencia investigadora tradúcese na coautoría de máis de 100 publicacións.
No ámbito de docencia, tiven o privilexio de acompañar ás novas xeracións a través da titorización de máis de 50 Traballos de Fin de Grao, Traballos de Fin de Máster, e dirixindo Teses doutorais, integrando sempre o coñecemento académico coas demandas da práctica clínica. Un eixo estratéxico da miña carreira, e que constitúe o vínculo máis sólido coa miña futura responsabilidade institucional, é a miña experiencia de máis de 18 anos como Coordinadora de Prácticas Académicas Externas. Esta labor permitiume coñecer de primeira man as necesidades formativas e as expectativas profesionais do estudantado, facilitando a súa transición ao mercado laboral. Complemento esta actividade cun intenso labor de divulgación científica e formación continuada, reforzando a ponte indispensable entre a universidade e o sector profesional.
A miña traxectoria na xestión universitaria reflicte unha asunción ascendente de responsabilidades, sempre orientada ao fortalecemento institucional e á proxección nacional da nosa universidade. Na actualidade, desempeño o cargo de Vicerreitora do Campus de Pontevedra para o mandato 2022-2026, formando parte do equipo de goberno liderado polo Reitor Manuel Reigosa. Previamente, exercín como Decana da Facultade de Fisioterapia durante tres mandatos (2013-2016 e desde 2018 ata o meu nomeamento como vicerreitora), tras ocupar postos de secretaria académica e vicedecana. Esta experiencia na xestión de centros proxectouse a nivel estatal ao asumir a Presidencia da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Fisioterapia (2020-2023), onde liderei a interlocución e coordinación da excelencia educativa en España. O meu compromiso coa organización profesional tamén se manifestou durante máis dunha década como Vicepresidenta do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa), unha etapa crave para entender a importancia da regulación e o prestixio das profesións sanitarias.
A coherencia e o impacto desta traxectoria foron recoñecidos recentemente polas máis altas instancias profesionais e académicas como o Premio á Excelencia e Compromiso Profesional (2025), outorgado pola Unión Profesional de Galicia; o Premio CoFiGa á Traxectoria Profesional (2022), en recoñecemento a unha traxectoria excepcional de liderado e servizo no ámbito da saúde e Insignia de Ouro da CNDFF (máxima distinción concedida pola Conferencia Nacional de Decanos en recoñecemento á visión estratéxica e a dedicación demostrada ao servizo da formación académica nacional).
Asumo o desafío de integrarme na candidatura de Belén Rubio como Vicerreitora de Estudantes coa determinación de situar ao alumnado como o eixo central de toda acción institucional. A miña experiencia previa na xestión de centros, o meu coñecemento profundo das prácticas académicas e o meu labor na representación nacional outórganme a perspectiva necesaria para afrontar este reto con garantías. Apostamos por un modelo de universidade baseado na mellora continua, indispensable para construír a Universidade de Vigo do futuro. Este compromiso co estudantado articularase a través dunha xestión definida polo diálogo constante, a proximidade real, a eficacia na resolución das súas necesidades e unha absoluta transparencia no servizo público.
A miña identidade profesional susténtase na honestidade e nunha innegable capacidade de traballo ao servizo da comunidade universitaria. Deste xeito, achégome á responsabilidade de liderar a Vicerreitoría de Estudantando e captación aportando a experiencia acumulada en anos de xestión e unha visión estratéxica que prioriza a calidade institucional. Nesta nova etapa, manterei os valores de transparencia, diálogo e eficacia como motores para alcanzar as metas de excelencia que o noso estudantado e a nosa universidade merecen.

Emma Torres-Romay
Son profesora titular de Estratexias da Comunicación da área de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Facultade de Comunicación no Campus de Pontevedra. A miña traxectoria académica e profesional está marcada polo interese na comunicación publicitaria e institucional, na divulgación e na xestión. Son das primeiras promocións da Licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo e realicei o meu doutoramento tamén na UVigo, tendo unha especial vinculación e sentimento de pertenza coa nosa institución.
Antes da miña entrada como docente na universidade desenvolvín a miña actividade profesional en medios de comunicación e gabinetes de prensa de institución públicas, incluído un período de ao redor dun ano e medio como redactora do DUVI e membro do Gabinete de Prensa da Universidade. Posteriormente conseguín unha bolsa de investigación e pouco tempo despois incorporeime á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como profesora axudante doutora. Nese período de realización da tese tamén me formei en pedagoxía e innovación docente e cursei estudos de xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.
A miña tese de doutoramento centrouse en comunicación institucional en procesos de crise e conflitos internacionais e obtivo varios premios de investigación (extraordinario de doutoramento da UVigo, de investigación en Ciencias Sociais da Deputación en Pontevedra e o Premio de Investigación sobre Comunicación da Fundación Caixa Galicia e a Asociación da Prensa de Galicia).
Dende ese punto de partida, participei en proxectos de investigación vinculados coa comunicación en colaboración con outras universidades ata a fundación do grupo de Investigación de Comunicación de Servizo Público (SEPCOM) do que actualmente formo parte. Manteño relación estable con universidades e centros de investigación internacionais sendo socia fundadora do Foro Iberoamericano de Estratexias de Comunicación (Arxentina) e da Rede de Investigadoras e Investigadores do Tecnoceno (Chile).
Dende o ano 2020 marquei unha liña de investigación fundamental con perspectiva xénero dada a importancia da implicación da comunicación na defensa da igualdade, o que permitiu publicar numerosos traballos, colaborar en proxectos de investigación e desenvolver proxectos divulgativos e académicos en torno a esta temática. Esta actividade ten servido para ser recoñecida co Premio Meninas do ano 2025 da Delegación do Goberno de Galicia polo compromiso na erradicación da violencia de xénero, o apoio ás víctimas e a loita pola igualdade.
Dende o meu primeiro ano de entrada na Universidade de Vigo exercín cargos de xestión, comezando como secretaria académica e sendo, ademais, a primeira directora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade e Coordinadora dos dous Graos do centro, coordinadora de prácticas, de mobilidade internacional e de mestrado. Logo do meu primeiro período como decana da Facultade estiven adicada á actividade política fóra da universidade. A experiencia externa en xestión pública, organización de eventos e promoción turística internacional supón un pulo fundamental ao meu desenvolvemento e experiencia profesional, encargándome de plans estratéxicos de comunicación e de dinamización comercial, ademais de deseñar programas culturais e implementar medidas de dinamización lingüística.
Nos últimos seis anos volvín a ocupar o decanato da Facultade de Comunicación acometendo proxectos e medidas que conseguiron notables melloras no centro a todos os niveis, recibindo o distintivo de galeguización e o de igualdade e poñendo en marcha novos títulos (dobres graos e graos internacionais). Especialmente importante é o pulo na visibilidade do centro como punto de referencia en formación universitaria en Comunicación en Galicia e centro de desenvolvemento creativo en termos de investigación e transferencia. Tamén conseguín, por primeira vez, a presidencia da Asociación Española de Universidades con Titulacións de Información e Comunicación (ATIC), antiga conferencia de decanas e decanos, para a Universidade de Vigo.
Toda a miña traxectoria caracterízase por un fondo compromiso coa Universidade e Vigo e unha firme crenza na proxección e potencial futuro da nosa institución. A posibilidade de poder aportar o meu traballo e esforzo na mellora dun aspecto tan transversal e crucial como é a comunicación supón un reto motivador e que enlaza de xeito natural con ese compromiso institucional. Nunha dinámica xa experimentada en todos os anos de xestión académica, o diálogo, a transparencia e o traballo rigoroso son as claves da proposta de futuro na que ademais, existe un fondo compromiso coa defensa da lingua e a cultura galega no que a Universidade de Vigo debe ter un protagonismo fundamental.

Iago Pozo Antonio
Son profesor titular na área de Explotación de Minas no Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Formo parte do grupo de investigación Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais (XESSMin) que pertence ao Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxia e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo.
Nesta universidade desenvolvo a miña actividade docente no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, no Mestrado de Enxeñaría de Minas, e no doutoramento en Protección de Patrimonio Cultural. Tamén colaboro na docencia noutras universidades como a Universidad de Granada. Son membro de grupos de innovación docente como Xeoloxía orientada á docencia (XEODA) e InnovAcción, ambos da Universidade de Vigo. Tamén formo parte da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento.
A miña principal tarefa investigadora céntrase na caracterización dos materiais que constitúen o patrimonio cultural tanxible, o seu deterioro e os diferentes tratamentos para a súa conservación, especialmente a limpeza e a consolidación. Ademais de publicar máis de 100 traballos de investigación en revistas SCI-JCR e máis de 100 contribucións en congresos internacionais e nacionais, actúo como editor asociado de revistas de prestixio internacional nos ámbitos de materiais, conservación do patrimonio cultural, láser, etc. Desde 2018 levo dirixidas cinco teses doutorais. Actualmente son o presidente do Comité Internacional de LACONA (Lasers in Conservation of Artworks) e son vocal do grupo especializado de Química para o Estudo e Conservación do Patrimonio Cultural da Real Sociedade Española de Química (GEQP-RSEQ). Fun investigador principal de tres proxectos de I+D+i do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Xunta de Galicia centrados na limpeza con láser do patrimonio pictórico e na conservación de arte urbano.
Dende o meu comezo como investigador realicei estadías a través de bolsas de mobilidade ERASMUS (KA131 e KA171) e no marco de contratos posdoutorais. Entre as institucións que visitei podo citar: Getty Conservation Institute (USA), Instituto Superior Técnico (Portugal) e Institute of Electronic Structure and Laser na Foundation for Research and Technology-Hellas (Grecia). Fun coordinador de tres proxectos europeos de mobilidade a través do programa Erasmus+ KA107 e KA171. Fun subdirector de relacións externas e mobilidade (2018-2022) da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e, desde 2023, son Director de área de Promoción da Internacionalización da Universidade de Vigo. Teño experiencia en programas de fomento das inquietudes científico-tecnolóxicas a través de programas STEMbach e pertenzo ao grupo Inspira STEAM da Universidade de Vigo.
A miña inquedanza pola internacionalización remóntase á miña etapa como estudante de enxeñaría, xa que desde entón considerei fundamental coñecer outras culturas e idiomas, non só para medrar como persoa, senón tamén para formarme como mellor profesional. A través da experiencia con persoas doutros países coñécense diferentes formas de pensar e de traballar. Este pensamento foi o que me levou a desenvolver cargos como o de subdirector de relacións externas e mobilidade e director da área de promoción da internacionalización. Non podo imaxinar unha universidade que non estea conectada co exterior, que non permita ao noso persoal e ao estudantado, tanto nacional como internacional, coñecer outras realidades e adquirir competencias en relacións interpersoais que lles permitan converterse en profesionais globais. A internacionalización da que falo tamén implica ser consciente das desigualdades existentes entre diferentes países, o que contribúe a formar profesionais sensibilizados coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que loitarán por un mundo máis xusto. Isto lévame a formar parte da candidatura de Belén Rubio como Vicerreitor de Internacionalización e Cooperación ao Desenvolvemento co obxectivo de converter a internacionalización e a cooperación en experiencias cotiás, integradas na docencia, na investigación, na xestión e na vida universitaria.

Alma Gómez Rodríguez
Son profesora titular da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos no Departamento de Informática da Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do Campus de Ourense. Formo parte do grupo de investigación LIA2, e pertenzo ao IFCAE (Instituto de Física, Computación y Ciencia Aeroespacial) da Universidade de Vigo.
A miña actividade docente desenvólvese nas titulacións da ESEI e na Facultade de Relacións Internacionais e abrangue todos os niveis formativos (grao, mestrado e doutoramento), promovendo unha formación baseada no rigor técnico e o espírito analítico, centrada nunha tecnoloxía con propósito e impacto social.
A miña carreira posúe un matiz singular; no terceiro curso da Licenciatura en Informática iniciei a miña andaina profesional a tempo completo, centrada no desenvolvemento de software para o sector bancario. Tras licenciarme, matriculeime no programa de doutoramento e, pouco despois, incorporeime como axudante na Universidade de Vigo. Na actualidade, no marco das miñas labores de investigación e difusión, participo en proxectos europeos e nacionais, así como en proxectos de transferencia tecnolóxica para empresas.
Ademais do anterior, asumín diversas tarefas de xestión na ESEI. Neste eido desenvolvín funcións de secretaria do centro, subdirectora de Mobilidade e Innovación, e fun coordinadora dos mestrados impartidos na escola. Tamén veño colaborando ao longo dos anos con distintas axencias nacionais para acreditación e seguimento de títulos (ANECA, ACSUCYL, ACCUA).
No compromiso que a universidade debe ter coa súa contorna, considero a divulgación unha peza fundamental do meu compromiso. Son unha das coordinadoras das actividades de «eXXperimenta en feminino», colectivo que desde hai nove anos organiza unha feira de divulgación no campus de Ourense para visibilizar o papel da muller na ciencia e a tecnoloxía. Tamén impulsamos materiais (libros de divulgación, exposicións sobre mulleres científicas, vídeos, etc.) para o seu uso por parte de calquera colectivo non universitario. Esta colaboración activa pretende romper estereotipos e fomentar vocacións STEM entre as e os mozo s e mozas de Galicia a través de talleres e outros eventos. Nesta mesma liña son codirectora da cátedra ALDABA-WIB para a promoción da presencia da muller nas TIC.
O meu compromiso coa «tecnoloxía con propósito» estendese tamén a outras idades. Son profesora do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense dende a súa creación en 2000, e desde finais de 2023, asumín a súa coordinación no campus de Ourense.
Estas experiencias son a base da miña implicación nesta candidatura. Entendo que a universidade debe devolver á sociedade os seus investimentos, constituíndo un motor de cambio crítico e socialmente responsable; integrando as súas actividades como parte de dita sociedade e contribuíndo deste xeito a mellora profesional e científica da nosa contorna galega. Comprométome a ser axente facilitador deste cambio, pondo á disposición da cidadanía, con transparencia, responsabilidade e vocación de servizo, as múltiples capacidades da nosa universidade.

Javier Roca
O Dr. Javier Roca Pardiñas é profesor catedrático de universidade do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da UVigo. Defendeu a súa tese doutoral o no ano 2003 na Facultade de Matemáticas da USC, obtendo a cualificación de apto cum laude e o Premio Extraordinario de Doutoramento.
Foi docente nas tres universidades do sistema universitario galego, e desenvolve a súa carreira académica na UVigo dende o ano 2000, onde consolidou a súa traxectoria universitaria dentro do grupo SiDOR (https://sidor.uvigo.es/en/, Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa), especializado en modelos e métodos estatísticos e en investigación operativa.
A súa experiencia docente universitaria comeza no curso académico 1999-2000, e desde o curso académico 2007/8 ata a actualidade o candidato foi profesor en tres programas de mestrado: 1) Mestrado en Técnicas Estatísticas (MTE, http://eio.usc.es/pub/mte/); 2) Mestrado en Bioloxía Mariña (MBM, http://masterbiologiamarina.uvigo.es/); 3) Mestrado en Enxeñaría Industrial (MII, https://eei.uvigo.es/eei_es/estudos/mestrado-ei/).
A actividade científica do candidato céntrase na investigación metodolóxica e aplicada en no contexto dos modelos estatísticos, a análise de datos e a estatística computacional, con aplicacións en múltiples áreas científicas e tecnolóxicas. A súa actividade investigadora deu lugar a máis de noventa publicacións en revistas internacionais de impacto en áreas como a estatística, a informática, o medio ambiente, a biomedicina e a enxeñaría, entre outras, contando na actualizada con con catro sexenios de investigación recoñecidos pola CNEAIS.
Dentro da UVigo ocupou varios postos de xestión, sendo director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa (2011–2017) e vicedecano de Organización Académica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (2020–2021). Foi membro do Consello Executivo da SGAPEIO (https://www.sgapeio.es/, Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións), asociación científica de Galicia cuxo obxectivo principal é promover a estatística e a investigación operativa tanto no ámbito académico como profesional. Tamén coordinou (2017-2022) o Mestrado Interuniversitario en Técnicas Estatísticas (http://eamo.usc.es/pub/mte/),. Na actualidade é membro da comisión académica do doutorado en Estatística e I.O.
Participou con éxito como membro en diversos proxectos de investigación financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, orientados ao desenvolvemento do coñecemento matemático básico e aplicado. Foi investigador principal en varios proxectos e contratos de investigación, así como en acordos de colaboración con numerosas empresas e institucións. Foi membro científico das comisións de goberno do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI, http://www.itmati.com/) dende o ano 2017 ata a súa disolución no ano 2021. Na actualidade é director Adxunto de Transferencia do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Matemática (CITMAga, https://citmaga.gal/), centro de investigación interuniversitario creado mediante convenio polas tres universidades públicas de Galicia co obxectivo de integrar capacidades científicas no ámbito das matemáticas e apostar pola transferencia de coñecemento e tecnoloxía creado por acordo das tres universidades públicas de Galicia.
Pablo Cabanelas
Son catedrático de Comercialización e Investigación de Mercados no Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Facultade de Comercio. Dirixo o grupo de investigación en Organización do Coñecemento dende 2014 e son Director Adxunto do centro de investigación interuniversitario ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) dende comezos de 2025.
Fun estudante de ADE da Univerrsidade de Vigo, onde cursei tamén o doutoramento e defendín a tese doutoral. Nesta Universidade, tamén desenvolvín a miña actividade docente en diversas titulacións da Facultade de Comercio, Facultade de Económicas e Empresariais, e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, participando en todos os niveis formativos, contribuíndo á formación integral do estudantado cunha especial énfase no marketing, a creación de valor e a competitividade empresarial e institucional; piares fundamentais no desenvolvemento económico dun país.
No eido da investigación, actúo como editor asociado de revistas de prestixio internacional do eido da economía da empresa , teño publicado e actuado coma revisor en múltiples revistas internacionalmente recoñecidas. Ademais, dirixín 10 teses de doutoramento, participei en máis de 40 contratos de transferencia da investigación con institucións rexionais, nacionais e europeas, reforzando o vínculo entre universidade, empresa e sociedade. Tamén, son vicepresidente da Academia Europea de Dirección da Economía da Empresa (AEDEM), responsable de investigación.
Unha das miñas paixóns é a internacionalización. A este respecto, compre indicar que coordinei durante case unha década (marzo 2014 – xaneiro 2024) o Mestrado en Comercio Internacional da Universidade de Vigo, ademais de traballar con Universidades doutros países en posgrao e ser docente invitado en universidades de Alemaña, Finlandia, Bélxica, Bosnia-Herzegovina, Italia e outros países, realizando estancias de investigación en Canadá, Portugal, México e Reino Unido. Asemade, son Investigador Principal e colaborador de proxectos Europeos dentro do grupo de investigación e en colaboración con outros grupos da Universidade. Fun investigador principal dos proxectos MoBAE (Interreg POCTEP), HEI4Future (EIT), e co-IP dun proxecto do Ministerio de Ciencia e Investigación. Actualmente son IP do proxecto FARCLIMATE, da Misión Clima da UE, e tamén colaboro coma IP de grupo no proxecto PROMISEANG da CBE JU.
Tiven a fortuna, por tanto, de desenvolver unha investigación aplicada que xera impacto real no tecido empresarial galego, especialmente nas áreas de competitividade, internacionalización e novos modelos de negocio. Apostando decididamente pola internacionalización da investigación, promovendo iniciativas de colaboración que permiten consolidar redes de colaboración académica e empresarial en Europa e América. E sempre cun enfoque económico e estratexia en mente, que permita preparar un futuro mellor para aqueles que continúen co noso impulso nas próximas décadas.
Esta labor descrita permitiume afondar na comprensión de como traballar en colaboración con persoas de diferentes departamentos, centros e servizos da UVigo e doutras universidades. Este enfoque cooperativo é fundamental para acchegarse á excelencia científica, no que as ciencias sociais poden constituír un elemento aglutinador nunha contorna cada vez mais interdisciplinaria, esencial para o desenvolvemento económico, social e empresarial de Galicia. Pero debemos continuar nesta liña, posto que queda moito camiño por percorrer e aspectos que mellorar, nun exercicio permanente de mellora continua, imprescindible en calquera proxecto de calidade, para construír a universidade do futuro que queremos que sexa a Universidade de Vigo.
Formo parte dun proxecto colectivo sólido e ambicioso para a universidade, baseado na experiencia, a honestidade, a capacidade de traballo, a transparencia, o diálogo, a proximidade e a eficacia como sinais de identidade desta nova etapa. E temos claro, que o futuro non está escrito, senón que o estamos e construír, e a Universidade de Vigo debe seguir sendo clave nesta transformación. 
Luis Álvarez Sabucedo
Son profesor titular no Departamento de Enxeñería Telemática da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo dende 2021. Desenvolvo a miña actividade investigadora no Grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos e no centro atlanTTic, o centro incluido na rede de referencia da Rede CIGUS da Xunta de Galicia.
A miña traxectoria docente permitiume acompañar ao estudantado en todas as etapas da súa formación: dende os primeiros cursos de grao ata o doutoramento. Nos últimos anos centreime no último período da formación, onde a conexión coas tecnoloxías emerxentes resulta máis palpable. Participo activamente en grupos de innovación docente. A dirección de teses de doutoramento é, sen dúbida, a actividade docente que máis me apaixona, xa que me permite contribuír á culminación do proceso formativo do noso estudantado. Creo nunha docencia que transmita coñecemento significativo e que prepare ás persoas para acadar todo o seu potencial persoal e profesional. Ao longo desta traxectoria docente, acadei, ata o día de hoxe, todos os quinquenios docentes posibles.
No ámbito investigador, desenvolvín o meu traballo arredor das tecnoloxías web, sempre cun enfoque aplicado e orientado a resolver problemas reais. Esta maneira de entender a investigación, ligada á utilidade e ao impacto, permitiume participar e contribuir en proxectos de ámbito autonómico, nacional e europeo. Tamén tiven ocasión de liderar proxectos a nivel autonómico e nacional nos que puiden desenvolver capacidades de investigación e de xestión. Os resultados acadados foron publicados en revistas indexadas de alto impacto e en congresos internacionais. Isto permitiume acadar tres sexenios de forma consecutiva ata o momento.
Dende 2024, desempeño tamén funcións de xestión como subdirector de atlanTTic. Esta experiencia permitiume coñecer de primeira man as dificultades, pero tamén as oportunidades, dunha universidade que quere avanzar. Hoxe máis que nunca, necesitamos estruturas máis áxiles, procesos máis sinxelos e unha aposta decidida pola dixitalización útil, a que realmente facilita o traballo das persoas.
Por iso decidín dar un paso adiante.
A proposta de Belén Rubio representa, para min, a oportunidade de avanzar cara unha universidade que combine experiencia e capacidade de cambio, poñendo ás persoas no centro. Unha universidade que non se conforme co que xa ten, pero que tampouco perda o aprendido.
Asumo este reto coa vontade de contribuír á mellora da dixitalización e da innovación docente, dous ámbitos clave para o futuro da nosa institución. Non se trata só de incorporar tecnoloxía, senón de transformar a forma na que traballamos, reducindo burocracia e deixando espazo para que podamos dar o mellor de nós mesmos.
Creo nunha Universidade de Vigo que avance con estabilidade e ambición: máis áxil, máis moderna e máis conectada coa sociedade, consolidando os logros e abrindo novas oportunidades.
![]()
Adela Sánchez Moreiras
Son catedrática de Fisioloxía Vexetal no Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Facultade de Bioloxía. Formo parte do grupo de investigación en Agrobioloxía Ambiental, Calidade de Solos e Plantas, recoñecido pola Xunta de Galicia como grupo de referencia competitiva, e pertenzo ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo.
Desenvolvín a miña actividade docente en diversas titulacións e en todos os niveis formativos (grao, mestrado e doutoramento), contribuíndo á formación integral do estudantado e á consolidación dunha docencia baseada no rigor, o espírito crítico e a proxección social. A miña vocación permitiume desfrutar sempre desta docencia e transmitir con motivación os meus coñecementos. No ámbito formativo tamén dirixín numerosas teses de doutoramento e traballos de fin de grao e de mestrado, contribuíndo á formación de novas xeracións de investigadores e investigadoras.
Iniciei a miña traxectoria investigadora na Universidade de Vigo, continuando a miña formación con estadías internacionais en centros de prestixio de Francia, Alemaña, Estados Unidos e España. O meu traballo foi recoñecido con galardóns como o Premio Rice e a Medalla de Prata da Sociedade Internacional de Alelopatía. Obtiven o doutoramento en Bioloxía con mención internacional e Premio Extraordinario, e posteriormente desenvolvín a miña etapa posdoutoral no Instituto Max Planck de Ecoloxía Química (Alemaña) grazas a un contrato Marie Curie e de volta na Universidade de Vigo grazas a un contrato Parga Pondal. Na actualidade, coordino proxectos europeos e nacionais de gran relevancia, financiados por programas como Horizonte Europa, e orientados cara a unha agricultura máis sostible e resiliente (https://portalcientifico.uvigo.gal/investigadores/277572/detalle).
A miña implicación institucional inclúe responsabilidades como secretaria do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, coordinadora durante anos dun programa de doutoramento, vogal de comisións académicas de mestrado, do Claustro, da Comisión de Estatutos, e a miña actual función como Vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica. Así mesmo, quero destacar o meu compromiso coa defensa dos dereitos do profesorado da nosa universidade, exercendo durante sete anos como secretaria e, posteriormente, como presidenta do comité de empresa de PDI laboral, traballando sempre desde o diálogo e a responsabilidade na defensa das distintas figuras do persoal docente.
Presento esta candidatura coa vontade de seguir fortalecendo unha universidade pública de calidade, apostando pola excelencia docente, a estabilidade e o recoñecemento do profesorado, a innovación nas titulacións e a adaptación aos retos sociais actuais. Durante os anos nos que ocupei a vicerreitoría tiven a oportunidade de reducir o desequilibrio entre ámbitos convocando un elevado número de prazas naquelas áreas máis deficitarias en capacidade docente, estabilizar e promocionar ao noso profesorado mediante a convocatoria de prazas de profesorado permanente laboral, de profesorado titular e de catedrático de universidade, axilizar a contratación das distintas figuras de persoal docente, negociar melloras normativas, implementar diversas automatizacións e dar acceso, dende a transparencia, á situación docente da nosa universidade.
Sen embargo, aínda queda moito por facer, e por iso comprométome a seguir traballando con transparencia, responsabilidade e vocación de servizo á comunidade universitaria, co obxectivo de consolidar unha Universidade de Vigo referente na calidade da docencia, no atractivo das súas titulacións e na vangarda do compromiso social.![]()
Juan Carlos Porrúa Pardal
Juan Porrúa é funcionario do Corpo Superior da Xunta de Galicia (Grupo A), con máis de 40 anos de experiencia na administración pública e en postos directivos de alta responsabilidade. Como se ten indicado, na actualidade é responsable de convocatorias estratéxicas na Axencia Galega de Innovación (GAIN). O candidato á xerencia conta cunha longa traxectoria en dirección e xestión pública, tendo ocupado postos de subdirector xeral, director de área, xefe de gabinete e xefe de servizo en diferentes departamentos da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e outros organismos públicos.
É especialista en planificación económica e orzamentaria, con experiencia directa na elaboración e seguimento de orzamentos públicos, xestión de capítulos I, II e VI, control financieiro e administración de recursos. Juan Carlos Porrúa é, ademais, experto en recursos humanos e organización administrativa, con responsabilidades en relacións de postos de traballo, negociación sindical, ofertas públicas de emprego, estabilización de persoal, nóminas e dirección de equipos. A súa grande experiencia en contratación pública e servizos xerais foi adquirida coordinando licitacións, pregos, mesas de contratación, mantemento de infraestruturas, réxime interior, etc.
Como candidato á xerencia da Universidade de Vigo, a vinculación directa de Juan Porrúa co Sistema Universitario Galego é, sen dúbida, unha vantaxe diferencial importante. Exerceu como Subdirector Xeral de Universidades e reponsable de apoio ao estudantado universitario, bolsas, acceso á universidade e de coordinación das tres universidades galegas. Deste xeito, participou na planificación do financiamento universitario así como en procesos normativos e coordinación institucional vinculados ao SUG.
Engadimos, finalmente, o interese da súa experiencia en modernización e simplificación administrativa, impulsando a mellora de procedementos, avaliación de unidades administrativas, transparencia e sistemas de calidade na administración pública e na captación e xestión de fondos públicos e axudas competitivas.
