EQUIPO
Candidata á Reitoría
Candidata á Secretaría Xeral
Candidato á Vicerreitoría de Infraestructuras e Sostibilidade
Candidata á Vicerreitoría do Campus de Pontevedra
Candidato á Vicerreitoría do Campus de Ourense
Belén Rubio
Son catedrática de Estratigrafía no Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Facultade de Ciencias do Mar. Formo parte do grupo de investigación en Xeoloxía Mariña e Ambiental e do Centro de Investigación Mariña (CIM), ambos os dous recoñecidos pola Xunta de Galicia como grupos e centros de excelencia.
Desenvolvín a miña actividade docente en diversas titulacións —Enxeñaría de Minas, Química, Bioloxía e Ciencias do Mar— e en todos os niveis formativos (grao, mestrado e doutoramento), contribuíndo á formación integral do estudantado e á consolidación dunha docencia rigorosa e actualizada.
Ao longo da miña traxectoria na UVigo asumín diferentes responsabilidades de xestión académica e institucional. A miña actividade investigadora foi recoñecida por institucións de prestixio, e participei activamente en iniciativas de transferencia do coñecemento e divulgación científica, reforzando o vínculo entre universidade e sociedade.
Antes de expor os compromisos que propoñemos para a institución e para os seus distintos colectivos, considero necesario facer unha breve referencia ao traballo desenvolvido nos últimos anos, período no que asumín a responsabilidade da vicerreitoría de investigación, transferencia e innovación da nosa universidade. Este labor permitiunos ampliar as oportunidades da comunidade universitaria e incrementar o impacto social da nosa actividade.
Grazas ás iniciativas impulsadas no marco do anterior programa de goberno, construímos na UVigo un sistema sólido de investigación e transferencia, que favorece o desempeño do Persoal Docente e Investigador (PDI) e do Persoal Investigador (PI e PAI), apoiado polo labor esencial do Persoal Técnico de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS). Implantouse unha política aberta, transparente e baseada no mérito (OTM-R) para a captación e promoción de talento cun novo servizo de Recursos Humanos de Investigación.
No ámbito internacional, quintuplicamos o financiamento acadado por proxectos no Programa Marco da Comisión Europea con respecto ao período previo á creación da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI). Tamén conquerimos máximos históricos na taxa de éxito nas convocatorias da Axencia Estatal de Investigación (AEI). En materia de transferencia de coñecemento, os resultados amosan unha evolución moi positiva, tanto no número de contratos como na captación de proxectos en convocatorias internacionais, nacionais e autonómicas, logrando ademais un equilibrio significativo na presenza de mulleres como investigadoras principais.
Impulsouse a creación de empresas baseadas no coñecemento, duplicando o número existente, e consolidouse unha carteira de case trescentas patentes activas. Potenciamos e creamos novas estruturas de investigación de carácter estratéxico, que aspiramos a que acaden en breve o recoñecemento externo pola súa excelencia. Aos centros CIGUS xa existentes (atlanTTic, CINBIO e CIM) sumáronse dous centros colaborativos (CINTECX e ECOBAS), así como centros interuniversitarios (CITMAGA e CISPAC). Durante este período creáronse tamén cinco institutos universitarios de investigación: IFCAE, IAA, IXEX, iLingua e CIDEGA.
Apostamos decididamente pola internacionalización da investigación, promovendo iniciativas de atracción e retención de talento internacional. Acadamos un 65 % de publicacións en colaboración internacional, mantivemos o selo HR Excellence in Research e consolidamos a UVigo como centro Euraxess.
Debemos continuar nesta liña. Queda camiño por percorrer e aspectos que mellorar, nun exercicio permanente de mellora continua, imprescindible en calquera proxecto de calidade, para construír a universidade do futuro que queremos que sexa a UVigo.
Asumo o compromiso de liderar e coordinar un proxecto sólido e ambicioso para a universidade de 2040, baseado na experiencia, a honestidade, a capacidade de traballo, a transparencia, o diálogo, a proximidade e a eficacia como sinais de identidade desta nova etapa.

María José Bravo Bosch
Son catedrática de Dereito Romano no Departamento de Dereito Privado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, institución á que estou vinculada desde o inicio da miña carreira académica e investigadora. A miña traxectoria estivo sempre guiada pola defensa da excelencia universitaria, pola responsabilidade institucional e polo compromiso coa universidade pública como motor de progreso social.
No ámbito investigador, son autora de máis de 150 artigos e capítulos de libro, cinco monografías e directora ou coordinadora de once obras colectivas. A miña actividade científica desenvolveuse en varios idiomas e en contextos internacionais diversos, e compleméntase con estancias de investigación, profesora visitante e conferenciante e múltiples universidades europeas, sendo a única docente española no Curso Superior de Dereito Romano, impartido en italiano, na Università La Sapienza e sempre contribuíndo á proxección internacional da nosa universidade.
A formación de novo talento investigador constitúe unha das miñas responsabilidades máis destacadas. Dirixín sete teses doutorais, todas elas cualificadas con Sobresaliente cum Laude, varias delas recoñecidas con Premio Extraordinario de Doutoramento, e actualmente acompaño outras oito en desenvolvemento. Ao longo deste labor, procurei sempre garantir unha dirección baseada na responsabilidade, no rigor metodolóxico e na integridade académica, entendendo que a autoría, a honestidade intelectual e o respecto polo traballo alleo son principios esenciais que corresponden a cada investigador e investigadora asumir e cumprir.
A miña participación en órganos científicos e académicos internacionais compleméntase coa pertenza a institucións de prestixio, como a Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación de España (correspondente), a Accademia Peloritana dei Pericolanti (Italia), así como diversos consellos editoriais e científicos: o Consello de Redacción de IVRA, revista internacional de referencia en Dereito Romano; o comité científico internacional de CODEX; o consello asesor internacional da revista Glossae; e o consello editorial da revista REGAP, entre outros. Esta actividade reforza a miña visión global da investigación e da función universitaria nun contexto internacional.
No ámbito da calidade universitaria, a miña experiencia abrangue un marco claramente internacional. Ao longo da miña carreira participei en procesos de avaliación en Italia, España, Portugal, México e Perú, colaborando con axencias como ACPUA, A3ES (Portugal), así como con comisións avaliadoras en diversos países. A esta traxectoria súmase a miña dilatada experiencia como membro da CGIACA, órgano superior de avaliación, responsable de garantir a calidade do profesorado universitario en Galicia, así como o meu labor continuado como avaliadora en ACSUG. Este percorrido permitiume adquirir unha visión comparada e profunda dos estándares e procedementos de garantía de calidade, así como da súa importancia estratéxica para o fortalecemento institucional e para o desenvolvemento dunha universidade moderna, sólida e recoñecida.
A miña actividade de transferencia complétase coa elaboración de diversos informes xurídicos no marco do artigo 60 da LOSU, realizados para entidades públicas e privadas, así como coa dirección de tres documentais de carácter divulgativo e científico con gran impacto. Estes proxectos permitiron achegar o coñecemento xurídico e histórico á sociedade, reforzando a dimensión pública da investigación universitaria e contribuíndo á proxección social da Universidade de Vigo.
A Secretaría Xeral é un espazo clave para garantir a seguridade xurídica, a coherencia normativa e o bo funcionamento dos órganos colexiados. Desde esta responsabilidade, considero esencial promover unha cultura de diálogo, mediación e conciliación, que permita resolver conflitos de maneira construtiva, fortalecer a confianza institucional e contribuír a unha gobernanza máis próxima, eficaz e respectuosa coa comunidade universitaria.
Presento a miña candidatura á Secretaría Xeral coa vontade de seguir contribuíndo ao fortalecemento da Universidade de Vigo desde a responsabilidade, o rigor e a visión estratéxica. Creo firmemente que a UVigo debe continuar avanzando cara a unha institución máis aberta, máis internacional, máis transparente e máis preparada para afrontar os retos dunha sociedade en constante transformación. O futuro constrúese cada día, e faino grazas ao esforzo colectivo, á profesionalidade e á ilusión de todas as persoas que formamos parte desta universidade.
Félix Quintero Martínez
Son profesor Titular de Universidade do departamento de Física Aplicada e acreditado a catedrático de universidade desde 2024. Formo parte do grupo de investigación Aplicacións industriais dos láseres, recoñecido pola Xunta de Galicia como grupo de referencia competitiva. Son tamén investigador no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), que recentemente acadou o recoñecemento de centro colaborativo da Rede CIGUS.
Formado como doutor enxeñeiro industrial na Universidade de Vigo, completei a miña formación con diversas estadías internacionais, a máis destacada como postdoc en Rutgers University, EEUU, grazas a unha bolsa Marie-Curie Outgoing. Son docente na Escola de Enxeñería Industrial desde 2007, primeiro como investigador Parga Pondal e como TU desde 2011 desenvolvendo a miña actividade docente nos graos da rama de enxeñería industrial e en diversos másteres (enxeñería industrial, automoción, nanociencia en nanotecnoloxía, etc.) e no programa de doutoramento de física aplicada.
Gústame dicir con franqueza que sempre puiden levar a cabo o meu traballo docente con satisfacción e vocación, grazas a estar rodeado dun grupo de profesionais entregados que fan o seu traballo con dedicación, rigor e compañeirismo altruísta, o cal é tremendamente contaxioso.
Ocupo o cargo de vicerreitor de Planificación e Sostibilidade desde maio de 2025. Anteriormente, fun subdirector do CINTECX entre 2020 e 2025 e membro do Claustro Universitario entre 2000 e 2002 como estudante predoutoral.
Desempeño o cargo de vicerreitor de Planificación e Sostibilidade desde o profundo compromiso que teño coa Universidade de Vigo. Traballo coa conciencia e determinación de que os recursos dedicados ás infraestruturas e equipamentos da universidade pública son escasos e son de todos, polo que é preciso administralos con eficacia, racionalidade e a máxima equidade. Polo que fago parte con naturalidade do xeito de traballar da candidatura de Belén Rubio, baseado na transparencia, o diálogo e a responsabilidade. Levo con orgullo, ademais, o apelativo da sostibilidade na miña vicerreitoría porque comparto profundamente o compromiso que esta universidade ten desde hai anos cos obxectivos de desenvolvemento sostible. Por iso, síntome plenamente identificado e comprometido coa visión responsable do futuro, coa idea da universidade que queremos ser e dos valores que queremos representar cara a sociedade.
Sara Domínguez Lloria
Son profesora titular da área de Didáctica da Expresión Musical na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no Campus de Pontevedra. A miña traxectoria académica e profesional desenvolveuse na intersección entre a educación, a música, a creación artística e a xestión, ámbitos que entendo como espazos inseparables.
Son doutora en Educación pola Universidade de Vigo, titulada superior en Música na especialidade de Piano, e completei a miña formación con estudos de posgrao en artes escénicas e en dirección e xestión de centros educativos. A miña actividade docente e investigadora céntrase na didáctica da música, a innovación educativa, a creatividade e a inclusión, con especial atención ao papel da educación artística na formación integral das persoas.
Ao longo da miña traxectoria combinei a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento cunha dedicación constante á xestión educativa e cultural. Antes da miña incorporación á universidade, asumín responsabilidades de dirección e organización que marcaron profundamente a miña maneira de entender o liderado institucional. Especialmente, como directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, unha etapa significativa na miña carreira profesional na que traballei desde a planificación, a coordinación de equipos, a xestión de proxectos e a relación coa comunidade para consolidar un modelo educativo comprometido coa calidade, a proximidade e o acceso á formación musical.
Esa experiencia previa de xestión, desenvolvida antes da miña entrada na Universidade de Vigo, permitiume comprender que as institucións só avanzan de maneira sólida cando combinan visión, escoita, responsabilidade e capacidade de traballo compartido. Tamén me ensinou que xestionar non consiste unicamente en administrar recursos, senón en crear condicións para que as persoas, os proxectos e as ideas poidan medrar. Esa convicción segue a guiar hoxe o meu traballo universitario.
Tras a miña incorporación á Universidade de Vigo continuei esa mesma liña de compromiso desde a docencia, a investigación e a colaboración con institucións do ámbito educativo, artístico e cultural.
Participei e liderei proxectos de innovación educativa vinculados á formación do profesorado de música, á competencia cultural e artística e ao deseño e avaliación de programas de educación musical, ademais de desenvolver iniciativas de transferencia con entidades como o Concello de Santiago de Compostela, a Real Filharmonía de Galicia ou o Museo Galego de Arte Contemporánea. Todo isto responde a unha forma de entender a universidade como institución aberta, conectada coa sociedade e capaz de xerar valor público desde o coñecemento.
A esta traxectoria súmase unha produción científica continuada, con numerosas publicacións que inclúen traballos en revistas e editoriais de referencia, dirección de varias teses de doutoramento así como achegas recentes sobre motivación académica do futuro profesorado, formación en educación superior, creatividade e intelixencia artificial xerativa, identidade docente, diversidade cultural ou intervención artística en contextos de inclusión. Este conxunto de traballos amosa unha liña de investigación comprometida cos retos contemporáneos da educación superior e da formación musical.
Do mesmo xeito, a miña actividade investigadora desenvolveuse en colaboración cunha rede académica ampla, con vínculos especialmente significativos coa Universidade de Santiago de Compostela e tamén con outras universidades españolas e portuguesas. Esa dimensión colaborativa reforza unha maneira de entender a investigación non como unha tarefa illada, senón como un proceso compartido de construción de coñecemento, diálogo institucional e proxección interuniversitaria.
Creo firmemente no Campus de Pontevedra como un espazo de oportunidade, de identidade propia e de proxección de futuro. Un campus no que a formación universitaria dialoga coa creación, coa cultura, co deporte, coa educación e coas novas formas de innovación; un campus que debe seguir fortalecendo a súa visibilidade, a súa cohesión interna e a súa capacidade para xerar orgullo de pertenza. O meu compromiso é contribuír a ese proxecto desde a proximidade, o traballo rigoroso, a escoita activa e a cooperación con todos os centros, servizos e colectivos que dan vida ao campus cada día.

Javier Rodríguez Rajo
Son Catedrático de Universidade na área de Botánica da Facultade de Ciencias, e preséntome na candidatura de Belén Rubio como Vicerreitor do Campus de Ourense coa vontade de seguir contribuíndo ao desenvolvemento, fortalecemento e proxección do noso campus. Formo parte do grupo de investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) que pertence ao Instituto de Investigación de Agroecoloxía e Alimentación do Campus Auga (IAA) da Universidade de Vigo.
A miña traxectoria académica e profesional está estreitamente ligada o meu compromiso coa Universidade de Vigo e, en particular co Campus de Ourense, como membro do mesmo dende hai 37 anos, estudando, ensinando, investigando e asumindo responsabilidades de xestión en diferentes niveis. Esta experiencia permitiume adquirir un coñecemento profundo da súa realidade e coñecer de primeira man de onde vimos, onde estamos, pero sobre todo cara a onde debemos avanzar.
Despois de estudar a miña Licenciatura no Campus de Ourense e facer diversos cursos internacionais de posgrao nos Estados Unidos, Holanda e Italia, doutoreime en Bioloxía no ano 2001 para iniciar a miña carreira investigadora a través do programa Isidro Parga Pondal, o que me permitiu consolidar unha base científica sólida e comprometida coa excelencia. Posteriormente, desenvolvín unha progresión académica continua, pasando polas figuras de Profesor Contratado Doutor, Titular de universidade e, dende 2019, Catedrático de universidade.
Ao longo destes anos, desenvolvín unha actividade docente e investigadora constante e recoñecida, sendo autor de preto de 200 publicacións, das que 120 son en revistas SCI-JCR, mais de 300 comunicacións a congresos, director de 12 teses de doutoramento e IP en preto de 30 proxectos/contratos de investigación, tal e como acreditan os meus cinco quinquenios docentes e os catro sexenios de investigación, aos que se suma un sexenio de transferencia. Estes méritos reflicten non só a continuidade do meu traballo, senón tamén o compromiso coa calidade na docencia, a xeración de coñecemento e a súa transferencia á sociedade.
A miña experiencia en xestión universitaria proporcionoume unha visión integral e transversal do funcionamento institucional que me permite coñecer de primeira man os retos aos que nos enfrontamos. Fun Vicedecano e xefe de estudos da Facultade de Ciencias, Director da Área de Desenvolvemento de Infraestruturas do Campus de Ourense, e Director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo durante varios anos. Posteriormente, asumín o cargo de Decano da Facultade de Ciencias, etapa na que traballei activamente na consolidación da oferta académica e na mellora da organización interna do centro. Desde xuño de 2023 teño a honra de exercer como Vicerreitor do Campus de Ourense, o que me permitiu afondar no coñecemento das necesidades, potencialidades e retos específicos do Campus. Este percorrido non é só unha suma de cargos, senón unha aprendizaxe continua que me capacita para liderar con responsabilidade e visión estratéxica.
A miña candidatura susténtase nun compromiso claro co desenvolvemento equilibrado do Campus Auga, co fortalecemento da súa identidade propia como Campus de Especialización dentro da Universidade de Vigo, e coa mellora continua das condicións para o alumnado, o profesorado e o persoal técnico de administración e servizos. Considero fundamental seguir avanzando con novas titulacións, a modernización das infraestruturas, na promoción da investigación e na captación de talento, na internacionalización así como no reforzo das relacións co tecido social e económico da contorna.
Defendo un modelo de campus con máis capacidade de decisión, apostando por un modelo de xestión baseado na proximidade, no diálogo, na transparencia e na participación da comunidade universitaria, entendendo que os mellores resultados so se acadan dende a colaboración e o traballo en equipo.
Todo isto lévame a formar parte da candidatura de Belén Rubio como candidato a Vicerreitor do Campus de Ourense coa ilusión de seguir traballando polo campus, dende a experiencia acumulada e coa vontade de afrontar novos retos que contribúan ao seu crecemento, á súa visibilidade e á súa excelencia académica e científica. 
