BELÉN RUBIO ARMESTO

(Candidata á Reitoría da Universidade de Vigo)

Belén Rubio

Presentamos a candidatura de Belén Rubio Armesto ao cargo de Reitora da Universidade de Vigo, avalada por unha sólida traxectoria académica, investigadora e de xestión no seo da institución. Con máis de 30 anos de dedicación á UVigo, Belén representa un proxecto de continuidade e transformación que sitúa ás persoas no centro da universidade, co compromiso de facer da nosa institución unha comunidade máis diversa, aberta, innovadora e próxima á sociedade.

Belén Rubio é Catedrática de Estratigrafía e profesora no Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio dende 1991. Doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, ten desenvolvido unha carreira investigadora recoñecida internacionalmente no ámbito da sedimentoloxía de ambientes mariños e costeiros, coa participación en máis de 30 proxectos de investigación, 100 publicacións científicas e a dirección de múltiples teses doutorais. Na actualidade desempeña o cargo de Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación na Universidade de Vigo, responsabilidade que compaxina cunha ampla experiencia en cargos de xestión académica.

A súa candidatura, impulsada pola plataforma H2040, foi ratificada como iniciativa para consolidar e ampliar os avances alcanzados pola UVigo nos últimos anos, apostando por un modelo de universidade inclusivo, participativo e orientado ao benestar das persoas que a conforman e buscando a excelencia. Belén defende un liderado baseado no diálogo, na transparencia e na corresponsabilidade de todo o colectivo universitario, coa mirada posta no futuro e no fortalecemento da excelencia académica e investigadora

Scroll al inicio